
Con estes recursos subministrados polo CCG, a Rede de Dinamización afondará na súa vontade de espallar e afianzar a nosa lingua dende o eido local. De feito, este é en boa medida o obxectivo básico desta Rede, unha iniciativa posta en marcha este ano dende a Consellería de Educación para impulsar alianzas arredor do idioma. Como dixemos, entre as contribucións do Consello da Cultura atópase unha plataforma web para o intercambio de recursos lingüísticos, o espazo d-Lingua, ao que cómpre engadir o deseño e posta en marcha da iniciativa Lingua en titulares, un buscador de informacións ligada ao estudo da lingua e que ficará accesible a través de aplicacións web. A maiores, a colaboración entre ámbalas dúas entidades, o CCG e a Consellería de Educación, incluirá o desenvolvemento dun proxecto audiovisual para afondar nos traballos de promoción do galego levados a cabo na nosa terra durante as últimas décadas, traballos que serán reflectidos e avaliados a través de entrevistas cos seus directos responsables.
O CCG colaborará dixitalmente coa Rede de Dinamización Lingüística na promoción do galego
Compartir Este Artigo
