
Podémolo ver no espazo de Facebook Vive O Morrazo, onde se nos dan a coñecer, en todo detalle, os meirandes atractivos da bisbarra pontevedresa en materia de natureza, hostalería, cultura, comercio e servizos. Pero a cousa, como dixemos, vai alén dunha simple presentación de virtudes. Ao abeiro deste espazo en liña, de feito, púxose en marcha o pasado 15 de xullo unha aplicación que, baixo o epígrafe A praia dos teus soños agárdate no Morrazo, permite desenvolver un concurso de gran interese nestes días de verán: a elección colectiva e multitudinaria do mellor areal da zona.
A comarca, tal e como sabe calquera persoa que a visitase, entrando polo norte (Marín, Bueu, Aldán) ou polo sur (Cangas, Moaña), ten praias de abondo como para ir facendo un certame do máis interesante. De feito, dá acubillo a 14 bandeiras azuis. O espazo en Facebook Vive o Morrazo, por certo, xa conta mentres se escribía este artigo con máis de 800 seareiros, número que se incrementará, de seguro, a medida que o concurso avance e que se saiba que, só por colaborar, xa hai recompensa.
Entre os participantes serán sorteados importantes premios, só polo feito de achegar o voto. Damos conta deles: – A primeira semana sortearase unha cea no Morrazo para dúas persoas nun restaurante asociado á federación. – A segunda semana, un circuíto termal máis tratamento para dúas persoas no Thalaso Tessal Moaña. – E como premio final entre todos os que votaron nas tres semanas de concurso: unha estancia de fin de semana nun establecemento do sector de aloxamentos asociado para dúas persoas máis vales compra.
A orixe da páxina
A páxina de fans Vive O Morrazo é unha iniciativa que nace da man da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO-, para compartir coa comunidade usuaria de Facebook o comercio local, a hostalaría e a pequena e mediana empresa en xeral, a cultura, a gastronomía, en fin, todo aquilo “que fai especial a terra que nos acolle”, sinala a entidade responsable da iniciativa. Trátase dun espazo creado para servir de guía e referencia a tódolos/as morracenses e visitantes, onde coñecer os eventos, promocións, festas e concursos que se levan a cabo no contorno e participar activamente na xeración de contidos e mellora dos mesmos.
