As viaxes no tempo á prehistoria e a outros intres singulares do noso pasado están moi ben, pero a nós, que lle imos facer, praceríanos máis un desprazamento de moito menor alcance, concretamente aos tempos en que acudiamos en masa ás casas dos amigos en que había un computador ou unha consola de videoxogos. Uns tempos en que facer vida tecnolóxica tamén era facer vida social, non como agora, en que case todo o facemos metidos nunha burbulla. Así o entenden tamén en Xataka, onde se nos adiantaron coa nosa viaxe máis arelada a través dunha videoinfografía, a primeira que lanzan, dispoñible en toda a súa rede e cun título que fala por si só: Lembras como era a túa vida nos 80?
O vídeo en cuestión, que xa se pode ver en YouTube e en Vimeo, é un percorrido polos camiños da tecnoloxía do fogar e de lecer, levándonos dende os anos en que un walkman era de uso común aos tempos en que se converteu en peza de coleccionismo. A peza, que dura cinco minutos, repasa os cambios tecnolóxicos acontecidos nos eidos da música, a informática, os videoxogos, a xeolocalización, os vehículos, a TV e a telefonía.
O vídeo, que inclúe un bo número de gráficos, vén da man dos editores de Weblogs, sendo o seu obxectivo afianzarse no eido das novas linguaxes audiovisuais.
O popular vídeo producido por Xataka
Na Rede un vídeo que nos leva da man á tecnoloxía dos anos oitenta
Compartir Este Artigo
