
A plataforma, que tamén foi dada a coñecer nuns encontros promovidos por TADEGa e EGANET, consiste nunha aplicación para o control integrado de servizos multimedia para persoas con características físicas e motrices particulares. O programa permite a xestión dos servizos audiovisuais, de comunicación e mesmo de seguridade dispoñibles no fogar dixital, dende un único punto do manexo.
No transcurso deste encontro, no que participaron diversos representantes de espazos de investigación, empresas e máis universidades (achegando cadansúa proposta a prol da independencia dos devanditos colectivos), deuse cabida a unha demostración práctica do potencial da tecnoloxía de InfoJC, na que se amosaron polo miúdo servizos adaptados para persoas con parálise cerebral, como unha ferramenta para ler as novas do día de xeito automático.
Por certo que as xornadas terán continuidade no mes de setembro en Vilagarcía (no Centro de Atención Integral Princesa Letizia) e máis en Vigo (no salón de actos da Zona Franca), os días 16 e 23 do dito mes, respectivamente.
Sinalar que amais de InfoJC, na xornada desenvolvida en Pontevedra tamén participaron Manuel Riveiro e Iago Santalla, que deron a coñecer o seu libro conxunto O límite do potencial humano, estudo que bota por terra a falsa idea de que certas características físicas ou mentais poden impedir o noso desenvolvemento pleno na sociedade actual. Asemade, interveu na xornada Luis Álvarez Sestelo, do Centro Gradiant, quen xunto con Javier Cebreiros, responsable de Proxectos de I+D de InfoJC, fixeron fincapé na importancia de por en marcha tecnoloxías que faciliten a concorrencia da cidadanía por enteiro nas vantaxes da Sociedade do Coñecemento, tecnoloxías que, sinalaron, teñen especial potencial de uso e adaptabilidade cando se basean sobre software libre.
InfoJC presenta en detalle a súa aposta tecnolóxica a prol da accesibilidade
Compartir Este Artigo
