As redes sociais, non se cansan de repetírnolo dende os foros de novos negocios, teñen un gran potencial para a promoción de servizos e produtos de todo tipo. En primeiro lugar, porque a xente está aí. Así o entende, precisamente, a marca de orixe galega Pizza Móvil, que vén de lanzar, da man de Tuenti, unha estratexia para tódolos seareiros desta comunidade 2.0 que lles poría ao seu alcance “un desconto exclusivo”. Para acceder a estas ofertas, informa Pizza Móvil, os usuarios da dita rede social deberán acceder a algúns dos locais da cadea en Tuenti dentro da pestana Sitios e pedir o cupón nos establecementos adheridos.
Unha vez feito isto, Tuenti pediralles un número de teléfono ao que subministrarlles unha mensaxe de texto, mensaxe que deberemos presentar logo na tenda correspondente para beneficiármonos da promoción.
O premio, informa a cadea, consistiría nunha pizza mediana de tres ingredientes por só 4,50 euros (5,50 nalgúns establecementos). Esta oferta será exclusiva para os usuarios de Tuenti, e poderase facer efectiva só en aqueles locais adheridos á promoción. A iniciativa, engádese dende a empresa, supón “unha nova aposta da marca polo público novo, un sector de poboación especialmente seareiro de Pizza Móvil, e que pasa gran parte do día conectado ás redes sociais”. Cómpre sinalar que a través deste vieiro de promoción e de descontos Pizza Móvil mergúllase de cheo, tamén, no mercado da xeolocalización, “achegando ofertas a tódolos usuarios e con independencia de que estes dispoñan ou non dun smartphone”.
Pizza Móvil tira partido de Tuenti para lanzar ofertas de descontos
Compartir Este Artigo
