
O modo de emprego é, unha vez máis, moi sinxelo. Unicamente é preciso que accedamos á devandita web e elixir algunha das localidades das que se ofrece versión dixital e panorámica. A partir deste punto, e botando man dun doado sistema de menús, disporemos dun amplo abano de información complementaria, que inclúe aloxamentos, restaurantes, establecementos de tipo comercial e de lecer, praias, outeiros e paraxes naturais.
Xa nun eido máis concreto, as novas incorporacións á páxina permiten visitar, coma se estivésemos alí mesmo e dende longas distancias, areais de sona mundial como os da Lanzada, Pragueira, Montalvo, Areas, Baltar, Silgar, Carabuxeira ou Canelas, amais dos de San Vicente de Mar, “unha estampa que se combina coas magníficas paisaxes que se albiscan dende os miradores de Siradella e Con da Hedra e que completan así unha imaxe única dende o punto de vista turístico”, en palabras da firma responsable.
E continúa José Manuel García, facendo un percorrido polo traballo que hai detrás de todo isto e o que finalmente se ofrece: “Unha das vantaxes que achega a web consiste na fidelidade coa plasma a información visual que contén, unha sensación de realidade que resulta moi gratificante porque contribúe a manter vixente o factor emocional que sempre vai implícito en calquera viaxe. Revivir con detalle as praias nas que nos bañamos, as paraxes naturais polas que paseamos, os restaurantes nos que xantamos ou ceamos, e mesmo os lugares de lecer nos que nos divertimos prolonga, aínda que sexa de xeito breve, esa sensación de benestar no noso maxín”. Para José Manuel García, os recursos que pon en xogo esta solución teñen potencial de abondo como para contribuír no labor de desvincular o turismo de xeito exclusivo ao verán, estendéndoo ao resto do ano e axudando así ao desenvolvemento deste sector e doutros moitos relacionados. Asemade, di, fornece de recursos axeitados dende un punto de vista comercial e de negocio, ao espallar a imaxe das empresas que nel figuran.
O Grove, Sanxenxo e Portonovo, novas incorporacións a Descubregalicia.com
Compartir Este Artigo
