Os sendeiristas, de aquí ou de fóra, que ademais de sendeiristas, sexan seareiros das máis avanzadas tecnoloxías de comunicación, recibiron esta fin de semana boas novas de Turgalicia. Estamos a falar do proxecto posto en marcha para tirarlle o máximo partido aos teléfonos móbiles intelixentes no eido da localización e o coñecemento da contorna a percorrer. A tecnoloxía, informa o departamento dependente da Consellería de Cultura, serve entre outras cousas para achegar datos sobre rutas homologadas como sendeiros de pequeno e gran percorrido, un total de 62, a partir de agora exhaustivamente descritas e documentadas a través do noso trebello. Toda a información do servizo, que se inclúe en tres linguas (galego, inglés e castelán), está dispoñible na web de Turgalicia, nos folletos en papel que acompañan a iniciativa e máis nas páxinas especializadas neste ámbito, como por exemplo www.wikiloc.com, www.everytrail.com e a galega www.ikimap.com.
Segundo informa Turgalicia ao respecto das funcións deste novo servizo, “a posibilidade de ver os camiños en formato 3D, de coñecer os perfís altitudinais, as distancias entre puntos de interese, e sobre todo, a descarga de toda a información aos teléfonos intelixentes converten este software nunha ferramenta esencial para a crecente comunidade de afeccionados ao sendeirismo”.
Sobre recursos máis específicos, dicir que a operatividade é semellante ao dun navegador vía satélite dos empregados para complementar itinerarios, a pé ou conducindo. É dicir, que achega unha visión complementaria e completa da ruta que camiñamos ao tempo que a camiñamos. A diferenza está na información, que é moito máis exhaustiva, pormenorizada e específica, cousa necesaria, por outra banda, para un ámbito no que seguir o camiño correcto e non perderse, amais de obter o coñecemento máis amplo do que se ten arredor, é especialmente importante. “Con esta utilidade”, informa Turgalicia, “sálvanse problemas derivados da sinalización da ruta, xa que en todo momento o camiñante coñecerá cal é a súa posición e se se está desviando do itinerario que pretende seguir”. E continúa: “O teléfono informa da distancia percorrida, da que queda por camiñar, da velocidade media, do tempo empregado, do perfil latitudinal; ademais, o camiñante poderá contemplar fotografías da ruta que lle permitirá acudir a eses puntos de interese”. A maiores disto, o noso aparello poderá transformarse nun acubillo de lembranzas, rexistrando as rutas que fan os usuarios para logo presentarllas ao resto dos integrantes da comunidade de sendeiristas-internautas que anden polas redes sociais, completándose todo con fotos e comentarios dos lugares percorridos. Deste xeito, outros seareiros poderán descargar e seguir as indicacións deixadas, co que se obtén un alto grao de interactividade entre usuarios.
En marcha unha ferramenta para complementar co móbil o percorrido polas nosas rutas de sendeirismo
Compartir Este Artigo
