
Durante a presentación do dicionario tamén participaron o reitor Juan Casares e máis Anxo Lorenzo, principal responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, institución que colaborou tamén nesta iniciativa de adaptación ao dixital, amais da Radio Galega. A achega en liña, incidiron, baséase na información fonética do Dicionario de pronuncia da lingua galega do propio Xosé Luís Regueira, publicado pola Real Academia Galega en 2010. A gran novidade desta versión dixital, alén de que significa unha nova aposta de valor pola universalidade e a accesibilidade do coñecemento, radica en que supón un novo xiro ao noso xeito de achegármonos á lingua, agora máis vivo, rico e, sobre todo, real. Así nolo explicou Regueira: “Había que darlle vida e voz, sendo o resultado unha obra útil para mellorar a calidade da lingua, dende a perspectiva dos medios de comunicación ou do discurso público en xeral”.
A xuízo de Anxo Lorenzo, estamos ante unha importante contribución á mellora da calidade e do prestixio do idioma, de gran importancia para a cidadanía e, tamén, para a propia lingua, motivos polos que o seu departamento apoiou a publicación tradicional do mesmo en 2010 e, logo, a súa transformación en ferramenta dixital. “Os usuarios da lingua oral en contextos formais, os profesionais que traballan coa lingua falada e tamén as persoas que desexan aprender galego teñen neste dicionario un recurso de grande utilidade”, comentou o secretario xeral, ao que engadiu: “Este recurso contribúe á difusión do estándar, favorece a extensión social do idioma e incrementa o seu valor funcional”.
Segundo informaron Regueira e máis Juan Casares, o volume presenta unha nova ferramenta en liña que deberá facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra banda, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores ou profesorado, entre outros. Xunto ao corpo temático, o dicionario dispón dun buscador no que se poden localizar palabras concretas ou cadeas de caracteres, presentando o resultado da busca coa forma, categoría gramatical, transcrición e o arquivo de voz correspondente.
Presentado o Dicionario de pronuncia en liña, que permite escoitar ata 60.000 diccións
Compartir Este Artigo
