Esta semana abriu as súas portas, virtuais, a tenda española dun macrocomercio que se expande cada segundo que pasa e tirando o máximo proveito do comercio electrónico, ata tal punto que se diría que o comercio electrónico inventárono eles. Estamos a falar de Amazon, que a partir de agora tamén se presenta a través de Amazon.es, unha tenda en liña especializada en libros que, segundo se pode desprender das primeiras olladas ao seu catálogo bibliográfico, debería presentarse mellor como tenda en liña especializada en libros que non sexan galegos. Así nolo contan dende Xornal.com ou Enredando, nos que se fai fincapé na reducida presenza da nosa lingua nos volumes achegados. Deste xeito, das 1.051.897 referencias de títulos aos que dá acubillo a devandita web, só 6.743 pertencen á literatura galega.
Dito doutra maneira, a nosa presenza en Amazon representa un 0,6% do total, unha porcentaxe que, polo ridícula, semella a taxa de fungallas que o primeiro mundo dedica ao desenvolvemento dos países pobres. A cousa mellora un algo, aínda que tampouco sexa para botar bombas, co éuscaro, xa que triplica en presenza á lingua galega. A porcentaxe de libros en catalán chega ata o 4,2% do total.
A pregunta que nos podemos facer é: a que se debe isto? É culpa de Amazon ou é culpa nosa? Segundo os datos que recolle Xornal.com facéndose eco de informacións do Consello da Cultura Galega, a cousa explícase en boa medida polas condicións implícitas nos contratos de Amazon, difíciles de asumir por editoriais pequenas. Na nosa terra, de feito, semella que houbo un consenso entre as empresas do libro á hora de rexeitar un acordo coa tenda en liña, por mor das condicións de reparto establecidas e, tamén, polas dos ingresos. Polo visto, os fondos de Amazon España acubíllanse en Francia, polo que se dispararían os custos da distribución daquelas zonas da Península máis afastadas do país veciño, ao que habería que engadir o feito de que se requiren descontos de ata un 70% nas obras, segundo informan as editoriais galegas.
Amazon.es, máis ben pobre coa literatura galega
Compartir Este Artigo
