Este luns 19 de setembro dan comezo na Rede CeMIT as actividades de formación en utilidades e vantaxes da programación aberta das que falamos recentemente en Código Cero. Estas accións, que se desenvolven ao longo desta semana, van dirixidas nun principio ás axentes e aos axentes de dinamización tecnolóxica da devandita rede, polo que chegarán á cidadanía de xeito indirecto: a través dunha mellor e máis completa formación en software libre dos seus axentes. Estamos a falar de formación en todo tipo de ferramentas, dende OpenOffice e LibreOffice a Ubuntu, pasando polo navegador Firefox, entre outros moitos.
Sinalar que o ciclo de xornadas inaugúrase hoxe na aula CeMIT de Santiago e que beneficiará ás/aos traballadoras/es das 89 aulas que integran a rede. O gran obxectivo é favorecer o achegamento á Sociedade da Información da comunidade de usuarios destes centros, baseándose a iniciativa no seguinte feito: o software libre é máis económico, accesible e permite, ademais, meirandes marxes de adaptación ás diferentes realidades sociais e culturais. Máis polo miúdo e volvendo ás xornadas, dicir que se trata de catro accións provinciais de introdución á programación aberta, estrurándose cada unha delas en tres partes, cunha introdución sobre como executar, cambiar e estudar, e distribuír copias de documentos en software libre con ou sen cambios.
Na primeira parte darase a coñecer o sistema operativo, o seu ámbito de escritorio e o explorador de arquivos do sistema.
Na segunda abordarase a personalización e administración do sistema operativo e o traballo coas principais aplicacións da distribución e na terceira trataranse outras aplicacións de Software Libre.
Este curso, que conta cun horario único de 10 a 14 horas, organízase en catro xornadas provinciais “de cara a achegar a formación ao maior número de axentes posibles”. Damos conta das datas e lugares: – Día 19 na aula CeMIT de SANTIAGO DE COMPOSTELA
Aula Centro Multimedia de Galicia
Rúa Hórreo 61-2º – Día 20 na aula CeMIT de LUGO
Centro Social Lamas de Prado
Praza do Castiñeiro, s/n – Día 21 na aula CeMIT de OURENSE
Avda. Progreso 44 – Día 22 na aula CeMIT de VIGO
Rúa Oporto, 1
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Oficina CeMIT a través do seguinte correo electrónico formacion-cemit@xunta.es, ou ben a través do teléfono 981 957 136.
Comeza a formación para formadores da rede CeMIT en software libre
Compartir Este Artigo
