A empresa galega Ednon, especializada en servizos avanzados TIC, quere congregar a unha boa parte dos profesionais do noso tecido produtivo para darlles a coñecer, en detalle, os diferentes elementos dun proceso imparable de reformulación do xeito de facer cousas dende as empresas: a virtualización. A cita será no Centro Demostrador TIC de Galicia, emprazado no CNTG de Santiago, entre as 11 e as 14 horas do vindeiro 18 de outubro.
Segundo fai saber Ednon, a virtualización será, precisamente, o eixo vertebrador do Seminario Técnico Virtualización e Consolidación de Almacenamento, xuntanza destinada a relembrarnos unha cuestión ben clara: estamos a falar das solucións TIC que máis demanda xeran arestora entre as organizacións. Así o fan saber, sinala Ednon, organismos como o Observatorio Computerworld-IDC do primeiro trimestre de 2011.
Na sesión demostradora, engade a empresa galega, os asistentes terán a oportunidade de aprender novas estratexias para construír de maneira sinxela servidores virtuais e máis infraestruturas de almacenamento que lles axuden a gañar en eficacia, usar procesos automáticos para xestionar as cargas de traballo nos servidores e as súas aplicacións nun contorno protexido, mellorar a rendibilidade operativa así como simplificar operacións cunha infraestrutura virtualizada e de almacenamento para reducir custos e conseguir meirandes marxes de adaptabilidade.
A inscrición poderá realizarse a través da páxina web do Centro Demostrador TIC.
Ednon desvelará en Santiago as vantaxes da virtualización
Compartir Este Artigo
