Unha cousa é estar na nube e outra ben distinta é estar nas nubes. De feito, e centrándonos no eido que nos toca máis preto, o das empresas de novas tecnoloxías, case ninguén quere estar nas nubes pero, segundo os últimos estudos económicos, todo o mundo desexa estar na nube. Para entendérmonos, isto último quere dicir que a firma en cuestión converteu unha boa parte de si mesma en algo dixital, en liña, con todo o que iso implica: procesos de todo tipo que antes se facían in situ, procesos propios de toda empresa, agora fanse na nube, gañándose en rapidez, accesibilidade e eficacia. Ao parecer, este é o futuro, empresarialmente falando. Segundo conta CB Consulting, o 64% das empresas españolas empregarán cloud computing en 2014.
Os datos, dados a coñecer por Ciena e reflectidos tamén por Computing, chaman aínda máis atención se nos centramos nas grandes empresas, onde se acadaría unha taxa, para o devandito ano, do 83,% das compañías tirando partido da computación na nube. Este proceso tamén afectaría ás administracións públicas, xa que se informa que en breve practicamente tódalas institucións teñen algún tipo de aplicación en modo cloud.
Unha das principais consecuencias de todo isto, tendo en conta que a Rede dará acubillo a máis xente e máis procesos empresariais, será o medre da demanda da lonxitude de banda, un proceso que CB cualifica de “moi significativo”. Isto repercutirá nunha busca de redes de alta capacidade que sexan quen de acoller tal cantidade de datos procedentes das empresas, datos que, dada a súa natureza privada, requirirán as mellores condicións de seguridade, flexibilidade e resistencia.
Arredor do 64% das empresas estatais estarán na nube en 2014
Compartir Este Artigo
