En maio Google anunciou un servizo desenvolvido en colaboración con Citi, MasterCard, Fist Data e Sprint para converter os móbiles con tecnoloxía NFC (como o Nexus S) nun sistema de pagamento, e finalmente botou a andar Google Wallet nos EE.UU., de xeito que os móbiles Nexus S 4G comercializados pola operadora Sprint están a recibir unha actualización que engade a aplicación Wallet que facilita a realización de pagamentos con tarxetas de crédito MasterCard de Citi ou con tarxetas prepagamento de Google (que incorporan 10 dólares de saldo adicional para os usuarios que usen este servizo antes de rematar o ano).
Con este servizo Google busca crear un ecosistema aberto de pagamentos, que permitirá non só usar as nosas tarxetas MasterCard dende o móbil, senón tamén facer o propio coas Visa, Discover e American Express, aínda que non é algo que vaiamos ver da noite para a mañá, xa que será preciso que os establecementos comerciais comecen a integrar a tecnoloxía NFC nos seus TPV, permitindo así pagar con só achegar o noso móbil aos seus terminais de venda.
As vantaxes de Google Wallet non será só evitar o uso de tarxetas de crédito, senón tamén o poder integrar o uso de tarxetas de fidelidade, cupóns de desconto… en definitiva, facilitar os nosos pagamentos e incluso levar un maior control dos mesmos.
Vídeo de presentación de Google Wallet
Divertido vídeo promocional no que ilustran a necesidade de solucións como Google Wallet

