Mentres as aulas galegas son obxecto dun proceso de dixitalización, da man do Proxecto Abalar, o país irmán, Portugal, está a vivir intres de incertidume coa súa particular iniciativa para levar as novas tecnoloxías aos colexios, máis polo miúdo a cada alumna e alumno, da man dos computadores Magalhães e ao abeiro dos programas e-Escolinhas e e-Escolas. Segundo se conta na Rede, o proceso de espallamento tecnolóxico vaise interromper, en boa medida para que as institucións responsables poidan avaliar se os cartos investidos foron, para que se entenda, axeitadamente investidos. Ou sexa, para examinar se nenos e adolescentes son mellores estudantes e están máis capacitados agora ca antes.
É ben probable que este anuncio se deba á fonda crise económica que vive o país, que se vería obrigado, así, a suspender aquelas iniciativas que non dean resultados tanxibles a curto prazo, nas que se insiren os devanditos programas TIC, no seu día un exemplo de compromiso social e educativo. O anuncio desta medida, que non significaría a renuncia a seguir afianzando as TIC na educación, foi dado polo secretário de Estado do Ensino e Administração Escolar, João Casanova de Almeida. Segundo fixo saber, o Goberno que representa precisa ser informado canto antes sobre cómo está a afectar a dixitalización do ensino nas novas xeracións, se son precisos outro tipo de investimentos, ou non, para acadar unha meirande capacitación escolar. Segundo deu a entender, as TIC por si soas non abondan para mellorar a formación, nin a xeral nin a tecnolóxica.
Portugal detén a distribución dos computadores Magalhães
Compartir Este Artigo
