
Trátase, máis polo miúdo, dunha actividade na que tres viaxeiros invidentes percorreron diferentes rutas programadas, en todo intre á beira de catro blogueiros que dan conta xa da experiencia nas redes sociais (Facebook, Twitter, blogs, YouTube, etc).
A idea de todo isto é promover un turismo máis integrador e universal, botar barreiras abaixo e aproveitar o potencial das redes ao máximo. Así nolo conta Arousa Norte, responsable de todo isto, dende a súa páxina web, á que (por desgraza) non podemos ver aínda cunha versión en galego (confiamos en que isto se mellore en breve, de seguro que si).
Segundo informa Arousa Norte, mancomunidade que abrangue A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e Boiro, a iniciativa de turismo accesible xurdiu en 2010 tras un acordo asinado coa Xunta, e aí materializouse a arela de tirar proveito das novas ferramentas tecnolóxicas para apostar por esta nova estratexia do sector hostaleiro, chegándose a habilitar todo tipo de recursos para persoas con este tipo de diversidades funcionais, incluíndo aloxamentos e todo tipo de actividades de lecer en establecementos adaptados.
A iniciativa chegou esta fin de semana a un novo estado de cousas, o devandito Arousa Norte Blog Weekend. Para a ocasión contouse de Nolimits Travel Guide, que xunto coa mancomunidade convocou un concurso na Internet para elixir os viaxeiros participantes na dita experiencia. Esta consistiu en boa medida nun percorrido sensitivo encamiñado a achegarlles o máximo posible a realidade dos recursos patrimoniais, de lecer e gastronómicos que integran a oferta de turismo da dita bisbarra.
Por certo que para quen queira saber máis do desenvolvemento da actividade, dicirlle que os blogueiros participantes na iniciativa envorcaron xa unha boa parte de contidos sobre aquela nos seus respectivos espazos das redes 2.0, aos que podemos ter acceso a través da web específica do Arousa Norte Blog Weekend.
O equipo estivo composto por blogueiros como José María León (viajarsindestino.com), Javier Montes Vicente (viajaratodoelmundo.com), Jesús Pérez Pacheco (fotonazos.es) e máis os responsables de nolimits360.es.
Arousa Norte celebrou o seu Blog Weekend de turismo accesible
Compartir Este Artigo
