
Participaron tamén na convocatoria o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Paco Durán; e o director de Uniemprende, Carlos Hernández.
A esta nova entrega dos premios, a número doce, dirixida á comunidade universitaria galega de calquera área de coñecemento, presentáronse un total de 241 ideas, das que só cinco reciben os 600 euros de premio unha vez valorada a súa viabilidade empresarial, o carácter innovador, o grao de madurez, o mercado e a aplicación de políticas de igualdade.
Damos conta dos traballos recoñecidos, un por un:
Software de rastreo documental (SRD )
A titulada en Ciencias Políticas da USC Cristina Vidal Martínez foi unha das gañadoras do certame. A través do seu traballo, “suxire desenvolver un software de rastreo documental (SRD) que permita facer un seguimento de toda acción asociada a un documento posibilitando identificar cando se fan accesos, copias, envíos ou modificacións, proporcionando ao autor orixinal un reporte instantáneo desa actividade”, informa a USC. A súa achega tería un amplo potencial en casos de filtracións de exames ou de espionaxe industrial.The interactive cell (TIC)
A estudante de Bioloxía da USC Ana Paula de Felipe propuxo “aprender xogando” cun software dirixido a converter ao usuario nunha proteína, pudendo esculcar nos segredos da célula e participar, en primeira persoa, nos procesos que teñen lugar no seu seo. O xogo, informa a USC, inclúe distintos niveis, dende o dirixido a estudantes de primaria ata o universitario. Achégase como xogo-CD ou como un arquivo de descarga gratuíta.Cultivo de setas sobre substrato de pousos de café
A idea do titulado en Bioloxía Ignacio Mielgo de Luque consiste na creación dunha granxa de cultivo sustentable de setas crecidas sobre substratos reciclados da súa zona de influencia, concretamente os pousos de café recollidos diariamente en cafeterías de Vigo. As especies a cultivar serán seta ostra e shiitake, que se comercializarán frescas, deshidratadas e conxeladas.Vehículos eléctricos de uso profesional
O proxecto dos irmáns enxeñeiros industriais da UVigo Plácido José e Florentino Míguez Durán consiste na fabricación de furgóns ou vehículos eléctricos lixeiros de uso profesional equipados con elementos tecnolóxicos, técnicos e de deseño que lle acheguen valor engadido ao produto final. Virían a encher un oco importante no mercado: o dos vehículos eléctricos con sistema de tracción eléctrica e con capacidade para rodar á velocidade máxima establecida por todo tipo de vías.Elaboración de vinagre balsámico galego
A proposta da bióloga pola USC Paticia Amado Vidal consiste na achega dun vinagre balsámico orixinario de Galicia (Zona Ribeira Sacra) que permita elevar o valor engadido dos produtos da zona, ademais de incorporar unha nova referencia nun mercado en forte crecemento.
