Se algún día lles dese aos condutores, oxalá que non, por contar as horas que pasan ao longo da súa vida buscando aparcamento e obter unha cifra final, tolearían. Para evitar este tipo de incidentes, xa sabemos o que hai que facer: usar máis bus, máis bici ou, tamén, máis perna. Se, con todo, seguimos coa teima de usar o coche, porque colle a posibilidade de que teñamos a cabeza máis dura có granito de Porriño, semella que as novas tecnoloxías nos poden botar unha man. Así nolo conta IBM, que está a presentar unha tecnoloxía para axilizar a procura de sitio para estacionar, cousa cada vez máis complicada, por outra banda, nos centros das nosas cidades.
Segundo o informe que acompaña a presentación destes desenvolvementos da multinacional, estes procesos ao volante, os de buscar sitio, non só xeran un importante volume de gases contaminantes (posto que temos prendido o coche para nada) senón que provocan o 30% dos atascos que sofren decote as cidades. Asemade, infórmase, preto de seis de cada dez condutores déronse por vencidos polo menos unha vez e deixaron de buscar aparcamento, habendo unha parte importante de usuarios que remataron por iniciar unha discusión con outro condutor.
Co fin de pórlle remedio a todo isto e facilitar a circulación dos vehículos, o tráfico fluído, IBM asinou un acordo de colaboración con Streetline, empresa centrada no desenvolvemento e despregue de solucións de aparcamento con sede nos EE UU. A partir disto, déuselle corpo a un servizo para o estacionamento, patentado por Sreetline, que detecta a presenza dun vehículo a través dunha rede de sensores sen fíos situados nas prazas de aparcamento individuais. Estes datos póñense a disposición do condutor en tempo real, a través da ferramenta Parker, unha aplicación de balde para teléfonos intelixentes que xa podemos ver nas tendas en liña de iTunes e Android.
“A combinación das ferramentas de xestión e análise avanzado da información de IBM”, sinala a multinacional, “cos datos obtidos dos sensores de aparcamento de Streetline permitiralles aos organismos locais tomar decisións máis intelixentes sobre os sistemas de transporte urbanos e comprender mellor os patróns de estacionamento dos condutores”.
IBM presenta unha tecnoloxía para axudar na busca de aparcamento nas cidades
Compartir Este Artigo
