Agora que xa están as ferramentas, un dos principais eidos de traballo do sector da programación, ben sexa programación pechada ou libre, é favorecer ata onde sexa posible a usabilidade dos seus produtos entre a meirande cantidade de xente, tendo sempre en conta que o común dos usuarios, aínda que proveñan de empresas TIC, non teñen porqué ter uns coñecementos avanzados en materia tecnolóxico-dixital. Segundo un estudo feito pola consultora IDC e promovido por IFS, menos dun terzo das firmas consideran que as súas aplicacións de negocios son intuitivas e doadas de empregar.
O estudo, que conclúe que os provedores de sistemas de planificación de recursos de tipo empresarial (ERP) deben mellorar o software para atender do mellor xeito posible a crecente demanda, desenvolveuse nunha serie de compañías de Estados Unidos, India e Europa.
En total, avaliáronse sete sectores produtivos diferentes, verificándose o uso e a flexibilidade das ferramentas empregadas, achegándose, entre outras, estas conclusións:
· Arredor do 29% dos enquisados opinan que as aplicacións son fáciles de empregar.
· Máis da metade consideran que algunhas das tarefas son unha perda de tempo cando utilizan as aplicacións de negocios.
· Practicamente a metade espera que se leven a cabo importantes trocos no negocio ao longo dos vindeiros 12-24 meses, e un 82% dos enquisados cre que será preciso cambiar as súas aplicacións empresariais para facer fronte a estes cambios.
· Un 44% considera que as aplicacións de negocios teñen un impacto negativo na axilidade de negocio.
Outra das conclusións que achega a investigación é que os profesionais son hoxe en día máis esixentes co que cae nas súas mans en materia de recursos informáticos de índole corporativa. É dicir: xa non nos conformamos que unha cousa sexa útil, precisamos que o tempo de uso sexa o máis reducido posible e a rendibilidade máxima, co obxectivo de que se asegure o medre e a produtividade.
Un estudo revela que as aplicacións de negocios teñen moito que mellorar en facilidade de uso
Compartir Este Artigo
