
A cita, á que están convidados diversos representantes das nosas administracións públicas (directa ou indirectamente implicadas no desenvolvemento tecnolóxico-dixital) e do noso eido educativo, servirá tamén como punto de encontro dos profesionais das novas tecnoloxías da información na nosa terra. Por certo que a Noite contará, para o seu desenvolvemento, coa presenza do monologuista e presentador Miguel Lago.
A presenza de profesionais da informática será, en definitiva, máis que notable, sobre todo se temos en conta que o CPEIG conta a día de hoxe cuns 325 integrantes. No transcurso da celebración, amais do devandito, os membros da colexio farán entrega dos recoñecementos aos traballos máis salientables desenvolvidos ao longo deste ano no ámbito da Enxeñaría en Informática. Serán en total sete premios, dos que iremos informando ao longo dos vindeiros días, punto por punto.
O colexio
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituiuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos.
Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolvan actividades propias da profesión en Galicia.
Na actualidade o CPEIG suma 325 colexiados e colexiadas.
