
O presidente de EGANET, unha entidade que representa a 76 empresas especializadas nas máis variadas manifestación do ámbito TIC (todo un mundo), opina que hoxe en día o principal obstáculo para o despegue definitivo e total do noso sector é pois o acceso ao apoio orzamentario. Isto, ademais, deriva noutros problemas que poden agravar a situación, como o retraso nos pagos por parte dos clientes das nosas firmas TIC.
En opinión de Víctor López, as entidades de financiamento “non están a asumir a día de hoxe as súas responsabilidades nesta crise; incluso a propia Administración Pública incumpre reiteradamente os seus compromisos de pago, non así os de cobro, co que na realidade as empresas acaban tamén por financiar os proxectos públicos”. Por certo que este precisamente, o dos apoios que teoricamente debería achegarlle ao sector das TIC a Administración Pública, é o segundo gran atranco ao que se enfronta o noso eido produtivo tecnolóxico-dixital, sinala o presidente de EGANET. E engade: “O apoio da Administración queda no discurso e á hora da licitación de proxectos os mecanismos de contratación discriminan e exclúen ás pequenas e medianas empresas galegas en favor de grandes corporacións foráneas”.
EGANET carga contra a falta de apoios e financiamento ás nosas empresas TIC
Compartir Este Artigo
