Non deixa de ser curioso que mentres uns medios galegos pechan outros vaian cara arriba. Entre estes últimos, os que suman seareiros, temos a web Galicia Confidencial, que, segundo contan os seus responsables, acadou case 100.000 páxinas vistas na semana que vén de rematar, “o maior número da súa historia”. Por outra banda, ao longo do mesmo período o número de visitas contabilizado foi de 37.000, o que sitúa á devandita web galega como “unha das máis populares da nosa Internet” engaden. E todo, indican, sen a axuda da portada do agregador de novas Meneame.
“Debido á súa audiencia enorme, este agregador soe disparar o público dos sitios que logran entrar na súa portada”, explican. Pero hai máis datos, algún relativo ao uso que se lle dá a Galicia Confidencial, cousa que nos axuda a saber se estamos ante un medio que se albisca de pasada ou que serve de verdade de fonte de información. No caso da web que nos ocupa semella que se trata máis do segundo, así se desprende da media de tempo que empregan nela os seus lectores: máis de 11 minutos. Cómpre ter en conta, informan dende Galicia Confidencial, que na maioría de medios dixitais o promedio de permanencia no sitio rolda os seis minutos.
Galicia Confidencial rematou a primeira semana de outubro con case 100.000 páxinas vistas
Compartir Este Artigo
