
Segundo apuntou AGESTIC antes e durante a entrega de premios celebrada este venres 14 de outubro, as razóns deste recoñecemento, que o equipo de Código Cero agradece encarecidamente, veñen dadas sobre todo polo noso esforzo a prol do afianzamento da Sociedade da Información, poñéndoa en relación directa coa realidade galega e facendo fincapé no seu significado, nas súas vantaxes e en todo o que pode facer para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía. En definitiva, que vén dado en boa medida pola nosa loita contra a fenda dixital.
Tal e como sinala o xurado, recibimos o galardón porque ao longo da nosa andaina (dez anos de vida da web codigocero.com e case unha década da revista mensual do mesmo nome, cousa que por certo imos conmemorar en breve) non deixamos en ningún intre de contribuír a que se coñeceran na nosa terra e no mundo as nosas empresas, entidades, produtos, servizos e proxectos TIC.

Como dixemos, os Premios INNOVA-G veñen da man da Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC. A convocatoria, a segunda, deuse a coñecer o pasado mes de setembro. Os Premios INNOVA-G celébranse para recoñecer o talento e a valía das nosas empresas tecnolóxicas e emprendedores, e que este ano medrou en candidaturas e calidade das mesmas.
Estes galardóns non só lle serven ás firmas que se presentan para dar a coñecer os seus produtos e servizos á sociedade, senón tamén, e sobre todo, para que se recoñeza a súa humilde contribución ao desenvolvemento da Sociedade da Información na nosa comunidade.
Ao mesmo tempo, trátase dunha gran oportunidade para descubrir empresas galegas cun potencial incrible, emprendedores tecnolóxicos cunhas calidades exemplares, servizos cunhas prestacións inmellorables ou aplicacións desenvolvidas por firmas do país que nos poden axudar en materias tan dispares como a educación, a saúde, o lecer ou a cultura…
O equipo de Código Cero obtén un importante recoñecemento ao seu labor nos Premios INNOVA-G
Compartir Este Artigo
