
Polo que atinxe á intervención do galego Dans, autor dun dos blogs máis seguidos do panorama en liña estatal, dicir que un dos piares do seu relatorio, presentado co título Política e disrupción: unha sociedade diferente, foi o antes e o despois que se crea cada vez que se achega un elemento tecnolóxico útil e mellor que os precedentes. E, tamén, as dificultades que se dan nalgúns sectores á hora de asumir o cambio de forma e o potencial cambio de contido. Ao seu xuízo, “cando alguén ofrece un produto máis intuitivo e con mellores prestacións, a xente acaba por asumilo de xeito irreversible; pasou co iPod, coa Wikipedia e coa tableta electrónica: os tres produtos significaron unha disrupción e sufriron ou sofren reaccións na súa contra que polo normal veñen de fóra, nunca do mercado que crean”. Na súa opinión, en política acontece o mesmo: “En vez de asumir a disrupción, continúase enviando a mesma mensaxe pola nova ferramenta”.
A última xornada dos encontros tamén contou coa presenza de Domingo Docampo, catedrático de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo, quen falou da lectura dixital e das súas consecuencias, amais da necesidade que temos de asumir que o importante é a lectura en si mesma, e non o soporte. “Cando a xente se afaga a ler na tableta dixital, rematará por fin a polémica, unha polémica, por outra banda, moi interesada”, comentou. Pola novena edición desta xuntanza tamén pasaron Gustavo Garrido, director da Fundación Carlos Casares e máis María Teresa Pisano, delegada especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. O primeiro dos relatores comezou a súa achega agradecéndolles aos asistentes “o alto nivel amosado nas intervencións dos coloquios cos relatores”, así como aos patrocinadores polo seu apoio nesta xuntanza. Pola súa parte, María Teresa Pisano salientou a calidade do programa e dos conferenciantes convocados, ao tempo que fixo un repaso por todos os temas tratados durante as xornadas, facendo saber que “estamos a ser testemuñas dun cambio importante a nivel global, onde a palabra que máis se escoita é incertidume, por mor das transformacións que xeran oportunidades, pero tamén ameazas”. Ao seu xuízo, estes cambios están a operarse cunha velocidade considerable, e cun alcance transversal, no contexto dunha crise que nos afecta a todos, circunstancia que, de contarmos novas tecnoloxías coas debidas perspectivas de humanización, podería ir chegando ao seu remate.
Enrique Dans e Domingo Docampo clausuraron os encontros de Mondariz sobre novas tecnoloxías e crise
Compartir Este Artigo
