Expocoruña segue adiante coas súas actividades de reflexión e divulgación arredor das posibilidades sociais, empresariais e comunicativas que nos ofrecen as redes e tecnoloxías de hoxe. Falamos dos obradoiros b-web. A vindeira xeira destas accións será este mesmo xoves, 27 de outubro, e desenvolverase co obxectivo de achegar luz sobre cómo tirarlles proveito ás plataformas 2.0 en situacións críticas. A actividade terá, unha vez máis, un marcado carácter práctico, de aí a busca de exemplos reais de incidencias diversas xestionadas de xeito incorrecto, sen o apoio das redes sociais, é o caso da petroleira BP, responsable dos recentes vertidos de cru ao Golfo de México e que non soubo ou non puído empregar eficazmente as redes sociais para evitar que unha crise de comunicación (que motivou a súa caída na Bolsa) se sumase á crise ecolóxica previa.
Este e outros casos concretos de mal uso das novas canles e ferramentas, amais dos diferentes recursos que temos ao noso alcance para solucionalo, constitúen en boa medida a base do obradoiro Xestión de comunicación en redes sociais, unha actividade que se celebra este xoves en Expocoruña e que se achega como “unha oportunidade de coñecer e diferenciar unha verdadeira crise online dunha maneira práctica”. A actividade, inserida no programa b-web, contará coa presenza activa de Iván Pino, director de Comunicación Online en Llorente & Cuenca e responsable entre outras cousas do asesoramento en reputación dixital a varias empresas do IBEX 35. Amais disto, Iván Pino ten tras de si unha longa experiencia como comunicador e divulgador na cuestión do emprego axeitado das redes a nivel corporativo: é profesor da Escola Europea de Negocios, mantén o blog ivanpino.com e é autor de obras electrónicas como Tu Plan de Comunicación en Internet.
Lembrar que a nova andaina dos obradoiros b-web arrancou o pasado 15 de setembro e rematará o 24 de novembro, cada unha das actividades inseridas no programa cun prezo anticipado de 50 euros e de 70 se se paga en cinco días previos ao seu desenvolvemento. Estas son as accións programadas pendentes:
· Xestión de comunicación de crises en redes sociais, 27 de outubro
· Redes sociais para pemes, 10 de novembro
· Quero ser community manager, 24 de novembro
Os obradoiros b-web amosan este xoves diversas maneiras de xestionar unha crise dende as redes sociais
Compartir Este Artigo
