Tirar proveito das redes no camiño da recuperación da memoria. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto interuniversitario galego Nomes e voces, que segundo nos conta a USC vén de incorporar no seo da súa páxina web un apartado especial dedicado á represión da que foron vítimas unha chea de galegos nos anos da Guerra Civil, do 1936 ao 1939. Para darlle corpo a isto e acadar un meirande alcance da información, os responsables da páxina web incluíron, entre outras cousas, unha serie de mapas para permitirlles aos internautas localizar lugares de morte e de enterramento, que veñen, por certo, acompañados de fotografías e fichas con todo tipo de datos individuais de acordo coa Base de Datos de Vítimas da Represión en Galicia do Proxecto e outras fontes diversas.
Esta achega especial, que vén da man do investigador e coordinador da iniciativa, Dionisio Pereira, desenvólvese no marco do convenio de colaboración co Ministerio de Xustiza do Goberno de España, polo que o Proxecto Nomes e Voces comprometeuse a entregar a este Ministerio toda a información relativa á xeografía da represión no territorio galego delimitada no período que se estende do ano 36 ao 39.
A web Nomes e Voces incorpora os mapas da represión galega na Guerra Civil
Compartir Este Artigo
