A Asociación Xeral de Consumidores (ASGECO Confederación) vén de emitir novos informes sobre a nosa capacidade de manobra fronte ao lixo que nos chega a través do teléfono, unha capacidade máis ampla do que pensamos moitos. De feito, unha das cousas nas que ASGECO máis fai fincapé é nos xeitos que temos de apoñernos a este tipo de spam e, en base a isto, mellorar a calidade dos servizos presentes e futuros. Os informes parten da seguinte realidade: malia que a presenza deste lixo informativo decreceu nos últimos tempos, grazas á entrada en vigor en 2010 da Lei de Competencia Desleal e Publicidade, aínda se seguen a rexistrar chamadas desta índole.
E isto pese ao que se estipula no artigo 29 da devandita lei, onde se establece que as propostas non desexadas e reiteradas por teléfono, fax, correo electrónico ou outros medios de comunicación a distancia poden ser consideradas “práctica agresiva e desleal”. Por outra banda, subliña a asociación, queda moito por facer no que se refire a informar aos cidadáns dos dereitos que teñen con respecto a estas condutas, como por exemplo manifestar a súa total oposición a recibir propostas comerciais non desexadas a través das ditas canles para que, en caso de incumprimento, quede constancia da infracción. Unha vez achegada e rexistrada a nosa oposición ás achegas publicitarias dunha determinada compañía, manifesta a asociación, a empresa podería ser sancionada con multas de ata 600.000 euros no caso de reincidir coas chamadas á persoa que deixara constancia do seu rexeitamento. “Se as chamadas continúan”, engádese, “os consumidores poden reclamar directamente á Axencia Española de Protección de Datos, que pon a disposición da cidadanía modelos de queixas na canle do cidadán do seu sitio web”. Amais disto, di ASGECO, existe un espazo chamado Listaxe Robinson que é un servizo de balde de exclusión publicitaria a disposición dos consumidores e que ten como principal obxectivo o de diminuír a publicidade que estes reciben. Nesta listaxe poderanse inscribir os interesados facendo saber os medios a través dos cales non queren recibir publicidade das compañías que levan a cabo estas campañas.
Os consumidores recordan o que se pode facer en caso de non querermos máis spam no móbil
Compartir Este Artigo
