
A celebración deste venres día 4, que complementa a campaña En galego tamén se fai ciencia das tres universidades galegas, desenvolverase en catro centros da USC ao longo da devandita xornada e das vindeiras. Polo que atinxe a Lugo, dicir que a súa Facultade de Ciencias actuará en boa medida de centro de operacións, incluíndo entre outras moitas cousas unha exposición na entrada do centro de bibliografía científica en galego cos fondos do equipo de investigación QIBioCat.
O resto de accións da Facultade, todas no salón de actos, comezarán ás 11.45 horas coa presentación a cargo do XXIV Congreso de ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia) que se vai celebrar na Fonsagrada entre os días 17 e 19 de novembro.
A continuación presentarase o libro O nome e o símbolo dos elementos químicos de Manuel Bermejo, Ana González-Noya e Miguel Vázquez, coeditado pola Xunta de Galicia e o Centro Ramón Piñeiro. A charla Química con produtos caseiros: ácidos, bases, colorantes e antioxidantes e un obradoiro de química recreativa con experimentos sorprendentes serán as actividades coas que se peche o acto central.
Xa ás 13.15 horas repartirase de balde o Vocabulario de Química e táboas periódicas (galego-español-inglés) editado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e que recolle máis de 2.500 termos. Entre o equipo técnico que elaborou este vocabulario atópase o profesor Marcelino Maneiro da Facultade de Ciencias.
EPS e Veterinaria Segundo se informa dende o Campus de Lugo, a entrada da Biblioteca Intercentros de Lugo é ata o día 11 deste mes un expositor dos fondos científicos e de divulgación do centro en galego, de igual maneira que durante unha semana a Escola Politécnica Superior é escenario da exposición María Wonenburger e dunha mostra de traballos científicos en galego. Nese centro este venres ás 10.30 horas haberá un visionado de documentais e charlas baixo o título En galego, sen parar. As actividades de Veterinaria comezarán cunha charla ás 10.30 no auditorio sobre as investigacións da Facultade e o reparto, ás 11.30 horas na conserxaría, do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria.
Campus de Santiago
En Santiago pódese visitar ata este venres a mostra Mulleres ConFormando a ciencia na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. As actividades do campus compostelán continuarán en Matemáticas o día 8, onde se presentará ás 12.00 horas no Salón de Graos a Comisión de Normalización Lingüística, o concurso de vídeo Explícoche Matemáticas 2.0 e Minerva, o repositorio institucional da USC.
