No marco do proceso de modernización das infraestruturas de telecomunicacións que a Xunta de Galicia está a levar a cabo en tódolos seus organismos, a entidade pública está a traballar agora na posta en marcha dunha rede dixital de emerxencias de seu, que botará a andar no ano 2013.
Esta nova rede integrará a tódolos colectivos que participan na resolución das situación de emerxencias no noso país, de maneira que se facilite a intervención efectiva e eficaz dos efectivos implicados e se simplifiquen as tarefas de coordinación entre eles.
A rede empregará o estándar TETRA, a tecnoloxía recomendada a nivel europeo para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública, que xa empregan en centos de redes de máis de 100 países de todo o mundo.
Este novo sistema de comunicación, no que traballan cóbado con cóbado as Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a entidade pública empresarial red.es, garante a súa dispoñibilidade e a comunicación en situacións extremas ou en casos de saturación das redes móbiles ou fixas, de maneira que as tarefas a realizar sexan máis rápidas e efectivas.
Entre as vantaxes desta tecnoloxía cómpre destacar, asemade, que permite o acceso instantáneo á rede, posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización dos efectivos a través de GPS, o envío de sms a persoas ou grupos, o envío de datos, a consulta de bases de datos, comunicacións encriptadas e a gravación de conversas.
Para que o entendamos todos, o que esta ferramenta vai permitir cando se poña en funcionamento en 2013 é que se melloren os servizos de prevención de incendios forestais, se activen mellor as emerxencias que se dean en portos, aeroportos, zonas industriais, vías de comunicación…, se melloren as comunicacións en casos de emerxencia en calquera zona do país, se melloren as accións de coordinación dos distintos operativos de emerxencias en Galicia e se dixitalicen tódolos pasos a dar nestes casos.
A rede porase a disposición de organismos públicos como Protección Civil, Axega, Policía Autonómica, 112, Bombeiros ou o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), entre outros, e ofrecerá unha cobertura mínima para o 80 por cento do territorio e 85 por cento da poboación.
Segundo informan dende a Xunta, para crear a nova rede de emerxencias despregaranse infraestruturas de telecomunicacións, “para o que se aproveitarán as implantadas no marco do Plan de Banda Larga e as redes do operador público Retegal”, por certo, a empresa pública encargada de xestionar a rede dixital de emerxencias.
Isto permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais e unha mellora substantiva no servizo de emerxencias do país.
A Xunta traballa no desenvolvemento dunha rede dixital de comunicacións de emerxencia
Compartir Este Artigo

