Logo de ter comprobado que o 90 por cento do tecido empresarial español está composto por pequenas e medianas empresas e que só o 25 por cento das mesmas contan con páxina web de seu, Google decidiu cambiar as estatísticas para mellor, e apostou por fomentar a presenza na Rede destes empresarios e emprendedores cunhas xornadas en Madrid.
Xa que logo, a firma estadounidense puxo en marcha a campaña Conecta o teu Negocio, que tiña como principal obxectivo fomentar a presenza na Rede das empresas españolas e darlle pulo aos seus proxectos con ferramentas para a creación de web, aloxamento e dominio .es, e soporte de balde durante un ano.
Desta maneira, Google entrou en contacto con multitude de persoas emprendedoras, porén, segundo afirman, chamoulles a atención comprobar que “menos dun 30 por cento das webs creadas no programa proviñan de negocios dirixidos por mulleres”.
Foi entón cando decidiron crear unha xornada práctica específica para elas, que dou como resultado o rexistro de, nada menos que, 900 empresarias, emprendedoras e autónomas de todo o Estado, que asistiron á xornada Webdate Conectad@s para mellorar os seus coñecementos neste eido e aproveitar as vantaxes que ofrece Internet.
A xornada, que foi inaugurada por Charo Izquierdo, directora de Yo Dona, e a directora de Marketing de Google en España, Laurence Fontinoy, contou cunha animada mesa redonda de mulleres emprendedoras dixitais moderada por Nicanor J. Cardeñosa, editora de tecnoloxía en Yo Dona.
Posteriormente, expertos de Google impartiron varias sesións prácticas sobre a creación dunha web, o desenvolvemento dun plan de marketing en liña e técnicas para mellorar a captación de clientes a través da web, para o que contaron coa colaboración de MRW, Orange, Banco Santander, Strato e a revista YoDona.
Esta iniciativa tivo como resultado a creación, por parte de 300 emprendedoras e empresarias, de cadansúas páxinas web, que contaron coa axuda de máis de vinte especialistas da área Take a Web Café.
Google axuda a máis de 900 empresarias a mellorar a súa presenza na Rede
Compartir Este Artigo

