
A Asociación PuntoGal está a ultimar os informes imprescindibles para demostrar ante ICANN que o dominio galego é viable tanto técnica como economicamente, contando tamén cun amplo respaldo social, o que queda evidenciado polas 109 entidades que conforman a Asociación (entre as que figuran as principais institucións culturais e educativas da nosa comunidade) e os máis de 13.000 apoios individuais recibidos a través da páxina web do organismo que ten por fin que o .gal sexa unha realidade.
Pero o .gal non conta só con apoios dende Galicia, senón que máis de vinte asociacións de emigrantes en España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, EE.UU., Uruguai e Brasil tamén están a colaborar coa Asociación para conseguir un dominio de primeiro nivel que, entre outras cousas, facilitará e axilizará a localización de contidos en galego na Internet á vez que servirá de estandarte das nosas lingua e cultura.
Cómpre destacar que é de agardar que a longo prazo a xestión dun dominio galego acade o autofinanciamento, de xeito que os futuros beneficios desta actividade reverterían na nosa comunidade, posiblemente a través de axudas ao fomento do galego nas novas tecnoloxías, na liña do que están a facer dende a Fundació Puntcat en Cataluña, onde superaron os 51.000 dominios rexistrados en 5 anos.
Mañá ábrese o proceso que poderá dar lugar a un dominio de Internet galego
Compartir Este Artigo

