O subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións da Secretaría Xeral de Modernización, Adrián Lence, desprazouse hoxe ata a cidade de Granada para participar na Conferencia Internacional de Software Libre que organizan a Juntas de Andalucía e Extremadura e máis o CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación baseadas en fontes abertas).
Lence, que interveu a partir das 9:15 na mesa, Estratexia en materia de software libre nas AAPP, foi en representación da Xunta de Galicia, e na súa intervención destacou as liñas estratéxicas do Plan de Software Libre que o Goberno galego puxo en marcha en 2010 e continuou en 2011 co obxectivo de impulsar o uso do software libre e de fontes abertas (Floss) no sector empresarial e na sociedade en xeral.
O subtitular de Infraestruturas indicou que o devandito Plan “estableceu e permitiu a execución de preto de 120 actuacións en colaboración coas asociacións galegas de usuarios e empresas de software libre, así como coas tres universidades galegas”.
Ademais das liñas de acción establecidas neste Plan de Software Libre, cabe recordar que a Xunta segue neste exercicio a tomar decisións estratéxicas para desenvolver proxectos de calado baseados en software libre, tales como a aposta definitiva polo desenvolvemento da Administración electrónica ou a integración das TIC na Educación a través do proxecto Abalar.
Ademais a Oficina de Coordinación Floss puxo en marcha un servizo de asesoramento sobre ferramentas de software libre para as necesidades TIC dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.
Lence tamén citou as actividades que se están levando a cabo para impulsar o uso do software libre no ámbito empresarial (a propósito do documento elaborado por Agasol o ano pasado) e destacou o Centro Demostrador TIC para PEMES, como exemplo de lugar posto a disposición das empresas onde presentar as súas solucións tecnolóxicas baseadas en software libre.
Por último, no seu relatorio Lence non esqueceu falar dun dos aspectos clave para o éxito das tecnoloxías FLOSS: a formación, que a Xunta garante tanto nos seus empregados públicos como entre a cidadanía en xeral, a través da Escola Galega de Administración Pública e das Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT).
Modernización mostra o software libre galego no OSWC de CENATIC, en Granada
Compartir Este Artigo

