A xornada que serviu de celebración do segundo aniversario da LaconNetwork no Centro Tecnolóxico de Arteixo, como era de prever, foi todo un éxito de asistencia, con máis de 200 participantes de toda Galicia que acudiron para conmemorar a consolidación do “momento gástrico de cada último venres de cada mes dos albaneis da nube, emprendedores , Internet e cloud computing”, que nesta ocasión estaba precedido por 2 coloquios que abordaban temas relativos ao emprendemento, e un relatorio por parte de Eduardo Fernández, vicepresidente e managing director de Research In Motion (RIM) en España, o que resultaba de especial interese ante a aparente crise que está a vivir a familia de produtos e servizos BlackBerry.
Os plenarios contaron cunha asistencia masiva que ateigaron o auditorio da moderna instalación de Arteixo, participación que tamén veuse reflectida na Rede, onde case igualouse o número de asistentes presenciais a través de videoconferencia, demostrando o interese do evento. Quen no puidera ver no seu momento as actividades formais desta LaconNetwork, conta cun arquivo de vídeo capturado co móbil en Qik, que pode servir para facerse unha idea do que supuxo esta experiencia cuxo formato pretende repetirse no futuro, incluso sen ter que agardar a outro aniversario, ante a boa resposta do público.

Pola súa banda, Eduardo Fernández (RIM) falou sobre a innovación, analizando factores como a velocidade dos cambios tecnolóxicos, a importancia dos ecosistemas á hora de ofrecer solucións e algún que outro detalle no que aproveitaba para defender a situación da súa compañía, dando a entender que a estratexia global de BlackBerry como plataforma é atinada pois responde a unhas necesidades reais en vez de orientar a súa posición no mercado cara a unha competición pola adopción de tecnoloxía punteira.
Presentación amosada por Eduardo Fernández durante o seu relatorio
O transcurso informal da LaconNetwork foi tan fluído como é habitual neste tipo
de eventos, aínda que máis rico do habitual pola grande afluencia de xente de
toda Galicia, non faltando certa exhibición de trebellos tecnolóxicos por parte
dos asistentes, que aparte dos xa típicos iPads, tamén presumían de tablets con
Android e de terminais telefónicos bastante recentes coma o Galaxy Nexus de
Google ou o enorme Galaxy Note, que cunha pantalla de 5,3 polgadas complica o
trazado dunha liña que separe os smartphones
dos tablets. Nesta mesma liña, Camilo
Ameijeiras (Primate) tamén amosou o que será a aplicación móbil oficial da
LaconNetwork (actualmente en proceso de aprobación por parte de Apple),
desenvolvida con Bits for meetings
(B4M), ferramenta tecnolóxica que Andrés Ribera amosara no AppCircus que
tivo lugar durante a pasada edición de MobileCONGalicia.

