Para que os técnicos e os profesionais das telecomunicacións e das novas tecnoloxías, en xeral, sexan bos técnicos e bos profesionais no seu sector, é imprescindible que nunca se estanquen na súa formación e que actualicen os seus coñecementos ao mesmo ritmo que se actualizan as tecnoloxías coas que traballan, é dicir, a un ritmo vertixinoso.
Televés, sabedora da importancia do anterior, vén de por en marcha unhas xornadas formativas que se levarán a cabo por diferentes puntos da xeografía española na última semana de marzo, a fin de facilitarlle aos profesionais das instalacións de comunicación o labor de renovación de coñecementos.
Desta maneira, a bordo da unidade móbil Passion for Quality, a firma galega vai dar a coñecer por toda o Estado as importantes novidades regulamentarias acaecidas nos últimos meses no sector das Telecomunicacións, como son a nova normativa sobre instalacións comúns (ICT2) e o marco sobre dividendo dixital, entre outras cousas.
Os máis preparados expertos de Televés, armados coas instalacións de telecomunicacións máis modernas, darán a coñecer, de xeito interactivo, as claves da nova normativa ICT2, incluíndo a aposta pola fibra óptica ata o fogar, que segundo afirman dende a compañía, “dará acceso ultra-rápido a Internet e abrirá a porta á introdución de tecnoloxías e servizos de alto valor engadido”.
Tamén se porá a disposición das persoas interesadas información de utilidade sobre o incipiente proceso de liberalización do espectro radioeléctrico, que se enmarca no despegue da LTE.
Daquela, a primeira cita terá lugar o vindeiro 26 de marzo en Ciudad Real, no Polígono Industrial da Estrada de Carrión. Ó día seguinte a unidade móbil fará parada en Cuenca, eo 28 de marzo a xornada terá lugar na sede de Amitel de Madrid. A Passion for Quality rematará o seu periplo no Polígono Industrial de San Cristóbal de Valladolid o vindeiro 30 de marzo.
Este percorrido, segundo din, “é a continuación do realizado por distintos países europeos nos que se lle foi achegando aos profesionais das telecomunicacións os valores do desenvolvemento tecnolóxico, soporte profesional e excelencia na fabricación de vangarda nos que se asenta o éxito de Televés”.
Televés informará, coa súa unidade móbil, das novidades regulamentarias en Telecomunicacións
Compartir Este Artigo

