O encontro Impulsando PEME, do que viñemos falando nos últimos días perante a inminente chegada a Vigo como única parada en Galicia, celebrouse finalmente onte con gran éxito de asistencia, ao contar coa participación do redor de 180 empresarios e empresarias de todo o país.
A iniciativa creada por Avalon, que conta coa colaboración de entidades como Microsoft, Adecco, HP ou Ono, entre outras, serviu para mostrarlle ao empresariado galego as vantaxes da tecnoloxía na nube, así como as claves para impulsar os seus negocios botando man das TIC.
No evento, que comezou ás 9:00 horas, as persoas asistentes coñeceron de primeira man a historia de Tomás, un propietario dunha pequena empresa que evolucionou o seu negocio grazas a aplicar as 12 estratexias presentadas in situ polas empresas impulsoras.
Deste xeito, durante as 2 horas que durou a presentación, os expertos convidados trasladáronlle aos asistentes o coñecemento e a experiencia que lles permitiron a eles desenvolver os seus negocios e prosperar con éxito.
Alí falouse de capital humano, de formación, de redes sociais, de dixitalización, de conectividade, de tecnoloxía na nube… e dun amplo abano de novas técnicas e tecnoloxías que o empresariado do noso país ten ao seu alcance para reinventar as súas firmas e “romper cos modelos de negocio obsoletos”, afirmou con rotundidade o director xeral de Avalon, David Muntañola.
A vindeira parada deste road show tecnolóxico será en Palma de Mallorca, o vindeiro 28 de marzo, para continuar por Córdoba, Badaxoz, Granada, Alacante e Pamplona, ata chegar ás 20 cidades marcadas nos vindeiros 4 meses.
Centos de empresarios galegos comprobaron en Vigo as virtudes das TIC para os seus negocios
Compartir Este Artigo

