A Xornada Open Data que celebra hoxe o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) está a servir entre outras cousas para amosar diversas experiencias galegas a prol da liberación de datos, que é, precisamente, o eixe temático do evento. Experiencias como a da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), cuxa máxima representante, Mar Pereira, acudiu á cita do CPEIG para amosar o acadado polo portal Open Data da Xunta, que, segundo sinalou, ocupa arestora a quinta posición a nivel estatal en volume de contidos. A devandita web, chamada Abert@s, foi posta en marcha o mes pasado co obxectivo de acadar transparencia informativa, fomentar a accesibilidade e máis a participación cidadá.
A responsable da AMTEGA fixo saber, no transcurso da xornada celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, “que somos a novena comunidade que pon a disposición de cidadáns e empresas información xerada pola Administración para o seu reemprego”. Porén, dixo, este portal, “é o quinto do Estado en canto a contidos xa que comezou a súa andaina cun catálogo inicial de 250 conxuntos de documentos, unha cifra superior á doutras comunidades con portais Open Data operativos desde hai dous anos”.
Os obxectivos de Abert@s, amosados polo miúdo na xornada de datos ceibes do CPEIG
Compartir Este Artigo
