O Centro Demostrador TIC de Galicia, acollerá o próximo xoves 26 de abril un obradoiro sobre Vixilancia Tecnolóxica e Intelixencia Competitiva. É o primeiro dun ciclo de obradoiros orientados á capacitación sobre novas tendencias tecnolóxicas para PEME do sector TIC organizados en colaboración con Red.es.
Un dos obxectivos deste primeiro obradoiro é capacitar na identificación de proxectos de I+D+i, proxectos NEBT (novas empresas de base tecnolóxica no sector TIC) e das tendencias tecnolóxicas internacionais e mercados potenciais, dotando ás empresas das ferramentas metodolóxicas para o desenvolvemento de sistemas de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva.
O obradoiro celebrarase en horario de mañá de 09:00 a 14:00 e horario de tarde de 15:00 a 19:00 horas e está distribuído en módulos teóricos e un módulo práctico, baseado nunha empresa TIC galega.
A xornada abrirase cunha charla maxistral de hora e media de duración, impartida por dúas expertas cunha longa traxectoria no sector da vixilancia tecnolóxica de empresas en Galicia, Lara Rey, responsable do Servizo de Vixilancia Tecnolóxica e do Sistema de Xestión de I+D+i da empresa Ferroatlántica I+D, e Rosa Freire, responsable da Unidade de Vixilancia e Transferencia de Tecnoloxía no Centro de Innovación e Servizos de Galicia.
Dos contidos do resto do taller encargarase o doutor José María Riola Rodríguez, profesor da Universidade Politécnica de Madrid, e, dende hai máis de catro anos, responsable do Sistema de Observación e Prospectiva Tecnolóxica da Dirección Xeral de Armamento e Construción do Ministerio de Defensa.
As prazas para asistir ao taller son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente en liña a través da páxina web do Centro Demostrador TIC.
O CDTIC celebra un ciclo de obradoiros sobre novas tendencias para empresas tecnolóxicas
Compartir Este Artigo
