Wayra, a firma de Telefónica Digital que se define a si mesma como “aceleradora de proxectos tecnolóxicos” e que opera en Latinoamérica e Europa potenciando a innovación e detectando novos talentos, vén de sumar folgos con Microsoft Corporation, a través do seu programa para emprendedores BizSpark Plus, con quen vén de asinar un acordo para axudar ás pequenas empresas de base tecnolóxica e startups integradas en Wayra a nivel mundial achegándolle ferramentas de utilidade e accións de formación a medida, entre outras cousas.
O convenio tamén inclúe o acceso destas firmas a bases de coñecemento, así como formación técnica para os e as súas integrantes.
O acordo acadado establece dúas liñas de colaboración que basicamente lle permitirán ás startups aceleradas por Wayra acceder directa e indirectamente aos beneficios do programa Microsoft BizSpark, como poden ser o acceso a contornas de desenvolvemento de software Microsoft, subscrición a contidos exclusivos para desenvolvedores, sesións de soporte técnico especializado para emprendedores, visibilidade dentro da súa rede de partners e mentores…
A maiores, os proxectos acelerados pola firma de Telefónica tamén poderán optar polo acceso á plataforma de cloud computing de Microsoft Windows Azure, a través de BizSpark Plus, para a execución de aplicacións e servizos web cunha interoperabilidade e escalabilidade de primeiro nivel no centros de datos de Microsoft.
Segundo coincidiron os responsables de ámbalas dúas compañías, este acordo, que beneficiará inicialmente a máis de 80 startups en aceleración en nove países, “vai permitir chegar a máis emprendedores en todo o mundo, axudándolles a acelerar as súas boas ideas e desenvolver grandes compañías” que dende logo non sobran nos tempos que corren.
Wayra e Microsoft suman esforzos para apoiar a emprendedores tecnolóxicos
Compartir Este Artigo

