
Para inaugurar os Foros Tecnolóxicos de Código Cero contamos coa presenza da directora da Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen foi presentada aos asistentes polo sempre xenial Xavier Alcalá, un auténtico home do Renacemento que fixo un repaso da figura de Mar Pereira, rematando a súa intervención cunha simpática reivindicación: pediu á directora da AMTEGA que presidise o Partido Regresista Tecnolóxico Galego, que tería como principal obxectivo o regreso do talento tecnolóxico galego espallado polo mundo.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta asegurou que a modernización que están a vivir as Administracións Públicas son consecuencia da crecente demanda dos cidadáns, que buscan minimizar a burocracia, o que precisa de importantes investimentos tanto en tecnoloxía como en capital humano, polo que avanzar neste eido é un reto ambicioso que agardan superar grazas á planificación a longo prazo que definiron dende o Executivo autonómico, apostando tamén pola centralización destes recursos na AMTEGA, o que podería supor un importante aforro económico a distintos niveis.
Pereira tamén lembrou que está a pórse en marcha un novo Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia, que permitirá un mellor aproveitamento de recursos, así como facilitará ao sector público o desenvolvemento de proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o noso sector TIC.

Dende Código Cero queremos agradecer a todos os asistentes por amosarnos coa súa presenza o seu apoio, pero tamén lembrar a todos os que non puideron acudir á cita, pois é igual de importante a súa colaboración e soporte durante todos estes anos.
Código Cero celebra o seu I Foro Tecnolóxico e o seu 10º aniversario
Compartir Este Artigo

