A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai por en marcha un ciclo de obradoiros para nenos e adultos cos que achegarse ao mundo da tecnoloxía dunha maneira didáctica ao tempo que divertida.
Os obradoiros celebraranse durante as fins de semana de maio nas distintas instalacións da Cidade da Cultura, e versarán sobre distintos eidos tecnolóxicos cos que as persoas asistentes poderán interactuar e experimentar de primeira man.
A primeira das actividades, a celebrar este fin de semana no Museo de Galicia, deron en chamala Paleta Gráfica, e nela os participantes terán a oportunidade de crear unha película de animación a partir do píxel e a técnica do stop-motion.
O obradoiro vai dirixido a maiores de 18 anos, os cales poderán darlle vida aos seus propios personaxes de animación a través de materias primas tan sinxelas como un panel de grandes dimensións e pequenos imáns de cores.
O sistema ideado polos responsables do curso é moi sinxelo: sobre unha gran táboa negra (que simula ser unha pantalla de ordenador), os alumnos e alumnas irán colocando de xeito manual os pequenos imáns de cores que representan os píxeles que dan corpo a unha imaxe dixital. Cada escena construída na “pantalla” rexistrarase cunha cámara, conectada a un sistema de captura e animación, que será a encargada de devolver eses “píxeles” do mundo tanxible ao dixital e configurar a película final que ideen os asistentes.
Para este obradoiro, a celebrar o sábado día 5 en horario de 10:00 a 14:30, e de 16:00 a 20:30 horas; e o domingo de 10:00 a 14:00, xa están as entradas á venda en Servinova, a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.
Os pequenos coñecen o código binario
A quenda dos máis pequenos chega na fin de semana do 19 con Copia de Seguridade, un obradoiro pensado para que rapaces de entre 6 e 9 anos descubran os segredos que agocha a linguaxe dos ordenadores e o mundo dixital partindo dun debuxo que crearán eles mesmos. Trátase de que os máis cativos coñezan a través do xogo a tecnoloxía básica que fai posible a realización de fotos, debuxos animados ou películas.
Deste xeito os rapaces e rapazas que participen no obradoiro deberán realizar un debuxo que posteriormente será convertido nunha sucesión de ceros e uns, é dicir, nun código binario que poderá verse na pantalla do ordenador.
Cada participante poderá levar para a casa unha copia de seguridade do seu debuxo en papel neste código, que lle quede como recordo da súa experiencia coa linguaxe dos ordenadores.
Xa na fin de semana do 26, Educación vai celebrar outra edición de Copia de Seguridade dirixida aos rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, que verán os mesmos contidos porén adaptados á súa experiencia e coñecementos.
Ámbalas dúas actividades desenvolverase na Biblioteca de Galicia entre as 11:00 a 14:00 da mañá e as 17:00 e as 19:00 da tarde dos días 19 e 26 de maio respectivamente.
As entradas tamén xa están á venda en Servinova a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

