
Os eventos previstos déronse a coñecer da man dos secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente. Tamén participou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, quen salientou a celebración do 17 como “unha motivación para un fervedoiro social de propostas nas que se implican as máis diversas entidades sociais, desde asociacións ata cadeas de supermercados, institucións académicas e un longuísimo etcétera”. Segundo engadiu o conselleiro, as actividades en homenaxe de Paz Andrade arrincaron coa posta en marcha da devandita web do autor “como centro informativo e de documentación, un motor para as múltiples actividades que se xeran desde asociacións e entidades de todo tipo, tanto dentro como fóra de Galicia, e que permite asegurar unha chegada masiva e sen fronteiras para calquera persoa interesada”, sinalou.
Vázquez Abad salientou tamén as pezas audiovisuais construídas sobre os versos do homenaxeado e que, grazas á colaboración da Televisión de Galicia, se están a emitir ao longo deste mes de maio esparexidas pola programación diaria. Tamén se difundirá nos medios de comunicación a campaña institucional do Día das Letras que cada ano realiza a Xunta; e a canle de internet linguagalega.tv difundirá o documental Paz-Andrade. Cen chaves de luz.
As bibliotecas galegas, engadiu, están a operar tamén como centros dinamizadores das actividades programadas. En concreto, as bibliotecas nodais están a celebrar mostras dos fondos bibliográficos de Paz Andrade e diversos contacontos para a animación á lectura entre os máis novos. No ámbito escolar, a través da rede de bibliotecas escolares e do labor permanente de colaboración dos equipos de dinamización da lingua galega, póñense a disposición do conxunto da comunidade educativa materiais para a difusión da obra e da figura do homenaxeado, “desde un telexornal sobre Paz-Andrade feito por reporteiros de primaria ata unidades didácticas interactivas construídas por profesoras e profesores para axudar a indagar no autor ou cuestionarios web”, sinalou Vázquez Abad. Ademais destas achegas, a Consellería de Cultura levará ata finais de ano por centros escolares de secundaria e polas bibliotecas nodais de Galicia unha exposición con audiovisuais sobre as distintas facetas do poeta, político e empresario.
Cultura dá a coñecer a súa achega de actividades para divulgar a obra de Paz Andrade
Compartir Este Artigo
