As aulas CeMIT de vinte localidades galegas iniciaron hoxe unha actividade formativa sobre televisión en Internet, na que se darán a coñecer as ferramentas e técnicas máis empregadas na distribución de contidos audiovisuais na Rede e se analizarán os seus usos e vantaxes.
Esta actividade, de 15 horas de duración, xa ten rexistradas 156 persoas, que se reparten entre os Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Arzúa, Fisterra, Tui, Pontedeume, Vimianzo, Sarria, Ponteareas, A Cañiza, Carballiño, Celanova, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Santiago, Allariz, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Narón, Ames, Cerdeda e As Pontes.
Os responsables da iniciativa explican que nalgunhas das aulas CeMIT empregarase o sistema de videocolaboración para o desenvolvemento desta actividade, unha tecnoloxía que, ademais de permitir a comunicación entre tódolos participantes en tempo real a través de imaxe e chat, permite compartir e controlar as aplicacións remotas.
Por outra banda, nas aulas tecnoloxicamente máis avanzadas (que conten con equipos audiovisuais e multimedia) empregarase o sistema de videoconferencia, que lle permitirá ás persoas usuarias asistir ás actividades en formato presencial e telepresencial.
Novos cursos formativos
O Programa de Dinamización desta última edición conta ademais con outras catro actividades de 15 horas de duración a desenvolver nos distintos Centros, que versan sobre deseño gráfico, retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo; así como doutras dúas máis amplas, de máis de 40 horas cada unha, sobre produción audiovisual e creación multimedia.
As persoas interesadas poden informarse das datas de comezo de cada unha das actividades e reservar praza na aula CeMIT da súa localidade a través do 981 552 568 ou a da web da Rede CeMIT da Xunta de Galicia.

