O fabricante taiwanés VIA Tecnologies vai comezar a vender por 49 dólares (38,90 euros) en xullo unha plataforma chamada APC e que permitiría termos un pequeno e económico ordenador baseado en Android (optimizando a súa distribución para funcionar axeitadamente cun teclado e un rato). Este sistema basearíase nun procesador WonderMedia ARM 11 sobre unha placa Neo-ITX de só 17 x 8,5 centímetros e cun consumo medio de só 4 vatios (podendo chegar ata 13,5 varios a máxima potencia), incluíndo entre as súas características 512 Mbytes de memoria RAM, 2 Gb de memoria Flash ampliable mediante tarxetas microSD, Fast Ethernet, 4 portos USB 2.0, saída de son e entrada de micrófono, saídas VGA e HDMI, soporte de televisión en alta definición e aceleración de hardware para os formatos de vídeo máis habituais, polo que estamos ante unha plataforma de hardware que serviría tanto para achegar a Internet ao televisor como para montar ordenadores de baixo custo. De feito, a placa Neo-ITX pode montarse en carcasas Mini-ITX ou micro-ATX, de xeito que os amantes da bricolaxe informática atoparán no APC un produto moi interesante para xogar.
Vídeo de presentación do APC de VIA
VIA porá á venda un mini-ordenador con Android a só 49 dólares
Compartir Este Artigo

