Samsung Electronics anunciou que no mes de xuño vai comezar a vender en Rusia (para chegar despois ao resto de mercados dun xeito paulatino) o seu smartphone Samsung GALAXY Ace DUOS, que combina as prestacións e o deseño do Samsung GALAXY Ace coa experiencia dos móbiles con dobre SIM, o que agradecerán especialmente os que teñan que empregar de xeito diario dous móbiles (un persoal e outro profesional) ou que desexen contratar 2 tarifas distintas para combinalas do xeito que resulte máis económico.
Este tipo de móbil con dobre SIM permite que poidamos alternar entre 2 tarxetas para facer as chamadas, podendo recibir sempre chamadas de calquera das dúas, característica moi destacable, pero que vén ben acompañada, pois estamos ante un móbil con pantalla táctil de 3,5 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, conectividade HSDPA de ata 7,2 Mbps, procesador a 832 MHz, 512 Mbytes de RAM, 3 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático, sintonizador de radio FM con RDS, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, USB 2.0, A-GPS, batería de 1.300 mAh, unhas medidas de 112,74 x 61,5 x 11,5 milímetros e un peso de 122 gramos.

Samsung Galaxy Y DUOS
Os que non queiran agardar a que este terminal chegue ao mercado poden optar xa polo Samsung Galaxy Y DUOS, co que coincide en boa parte das prestacións, aínda que a súa pantalla é de só 3,14 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles (o que permite reducir o seu peso a 109 gramos) e a súa cámara de 3,15 Mpíxeles, estando á venda en España por 159 euros.

