Cada vez son máis os tablets económicos co sistema operativo Android que chegan ao mercado, e o líder europeo nesta categoría de produtos, ARCHOS, continúa a ampliar o seu catálogo, de xeito que a tenda británica Currys xa lista na súa páxina web (adiantándose á do propio fabricante) os novos dispositivos Arnova 7d G3 e Arnova 10b G3 que chegarán en breve a prezos de 109,99 e 149,99 libras esterlinas respectivamente (137,56 e 187,59 euros), o que agradecerán os que queiran entrar no mundo dos tablets sen ter que facer un grande investimento.
O ARCHOS Arnova 7d G3 é un tablet moi básico, cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC, con Wi-Fi N, micro USB, unhas medidas de 223 x 142 x 12,2 milímetros e un peso de 380 gramos, que chegará con Android 4.0. Un produto interesante para quen queira acceder ao e-mail e a algúns contidos web, así como para a reprodución multimedia dende un trebello de pequenas dimensións e grande portabilidade.
Máis atractivo resulta o ARCHOS Arnova 10b G3, que tamén opera con Android 4.0, pero que destaca por unha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, o que permite unha experiencia de uso moito máis satisfactoria (especialmente á hora de acceder a contidos na web). Tamén conta cun procesador ARM a 1 GHz, 1 Gb de RAM e 4 Gb de capacidade interna ampliable mediante tarxetas microSDHC e porto USB (que permitiría dende conectarlle un disco duro ou una unidade de memoria ata un rato e un teclado). Este tablet tamén conta cunha cámara web frontal, ten un grosor de 13,5 milímetros e mantén o seu peso en 630 gramos.
ARCHOS comercializará novos tablets económicos con Android 4.0
Compartir Este Artigo

