No marco do programa Vendes en Internet?, unha iniciativa coa que a Xunta trata de darlle pulo ao uso do comercio electrónico nas empresas do país, o Centro Demostrador TIC de Galicia inicia hoxe unha serie de sesións formativas para a venta de produtos e servizos a través da Rede, así como para dar resposta ás principais dúbidas que lle xurdan ás persoas asistentes no tocante ao eComercio.
As catro xornadas, que se alongarán ata mañá mércores, 6 de xuño, forman parte da primeira liña de actuación do devandito plan, co que o Executivo pretende aportar as ferramentas para iniciar ou potenciar o comercio electrónico entre a cidadanía, e que se completa cun servizo de asesoramento personalizado, e coa creación do portal VendesenInternet.es, no que os comerciantes interesados poden atopar información de interese para iniciarse na venda en liña.
As sesións que se están a celebrar no CDTIC pretenden dar resposta ás principais dúbidas das empresas cando se inician no comercio electrónico; dúbidas que van dende como pasar do negocio tradicional á venda en liña, que é o marketing dixital, que barreiras xurídicas existen e cales son os medios de pago que o empresariado ten á súa disposición, entre outras.
Dende o CDTIC informan con orgullo que esgotaron as prazas dispoñibles aos poucos días de abrir o prazo de inscrición, malia ter ampliado o aforo inicial “co obxectivo de dar resposta á demanda xerada entre autónomos, pequenos e medianos empresarios interesados en asistir ós talleres”, afirman.
As outras dúas liñas que completan o programa Vendes en Internet? comprenden un servizo de asesoramento personalizado, que resolverá consultas concretas tanto en liña como de xeito presencial durante as sesións; así como a web VendesenInternet.es, posta a andar polo Ministerio de Industria para dar conta de información relativa á formación do empresariado, casos de éxito, programas de axuda, iniciativas similares…
O CDTIC forma ao empresariado galego no uso do comercio electrónico
Compartir Este Artigo

