
Trátase do proxecto Open Discovery Space (ODS), que inclúe unha plataforma en liña na que almacenar recursos procedente de almacéns de prestixio como ARIADNE, GLOBE ou LRE, entre outros, e que achegan contidos educativos que cobren dende a educación primaria ata a superior, pasando por tódalas etapas do ensino.
No marco deste proxecto, que precisa uns 15 millóns de euros de orzamento, tamén se vai desenvolver un sistema de aprendizaxe social a partir da interacción entre o alumnado e os sistemas de aprendizaxe electrónica, que segundo informan no DUVI, “permitirá coñecer que contidos utilizan, de que xeito ou durante canto tempo”, “datos moi útiles”, engaden, “para poder crear modelos de estudantes que faciliten a personalización dos sistemas de aprendizaxe”.
O coordinador do grupo GIST da Universidade de Vigo, Luis Anido, asegura que estamos perante “o proxecto europeo con máis impacto a día de hoxe”, ao incluír os principais actores do e-learning do Vello continente, incluída a Universidade de Vigo, e ao integrar os almacéns de contidos educativos máis relevantes.
A eficacia deste proxecto “será probada en máis de 2000 escolas de toda Europa”, afirma Anido, que poderán acceder aos contidos almacenados na plataforma virtual.
A Universidade de Vigo participa nun proxecto europeo de integración de recursos educativos en liña
Compartir Este Artigo

