A exposición itinerante de Valentín Paz-Andrade, que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva por toda Galicia para mostrarlle á sociedade, dunha maneira amena e participativa, a vida e a obra deste autor galego, vén de facer parada en Sarria, onde estará ata o vindeiro 15 de xuño.
A mostra, que poderá ser visitada de balde no IES Gregorio Fernández, está composta por cinco paneis nos que se achegan textos explicativos sobre as diversas facetas de Valentín Paz-Andrade. Cada un destes paneis inclúen pezas audiovisuais nas que participan persoeiros que coñeceron de primeira man ao autor galego, e que amosan a súa visión persoal e a relación que mantiñan con el. Falamos do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo ou filólogo Gregorio Ferreiro, entre outros.
O obxectivo desta exposición itinerante tan particular é dar a coñecer polo miúdo a vida e obra do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, de maneira que capte a atención do alumnado galego de primaria e secundaria, como sabemos, os chamados nativos dixitais.
A mostra compleméntase coa web oficial do autor, posta a andar pola Xunta para dar conta de tódolos datos contrastados da vida de Paz-Andrade, así como dunha bibliografía completa e mesmo con elementos complementarios “de alto interese”, segundo afirman, para achegarse ao escritor, tales como fotografías e textos inéditos dixitalizados.
A mostra itinerante pechará o seu percorrido polos centros educativos galegos en Navia de Suarna, onde poderá ser visitada desde o día 15 ata o 22 de xuño, coincidindo co fin do ano escolar.
A mostra interactiva sobre Valentín Paz-Andrade fai parada en Sarria
Compartir Este Artigo

