O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiat) foi o anfitrión do seminario The Satellite Role in the Mobile Communications Arena, celebrado a pasada semana, no que, dende a perspectiva da industria, analizouse o futuro das comunicacións por satélite no contexto das comunicacións móbiles.
As xornadas, que segundo informou a organización “contaron cun éxito total de participación”, serviron entre outras cousas para que o Centro Tecnolóxico lle ofrecera ás máis de 50 persoas asistentes as súas achegas máis importantes no eido das comunicacións móbiles por satélite.
Entre as firmas asistentes destacou a presenza de Telefónica, Itelsis, R Cable ou Egatel, entre outras, que se interesaron polo asesoramento e a visión persoal que ofreceron os principais actores do campo das comunicacións móbiles e por satélite como Hispasat, Abertis Telecom, Thales Alenia Space Spain ou Alcatel-Lucent, da man do seu persoal responsable.
Entre as principais conclusións ás que se chegaron no seminario destaca a “progresiva extensión da conectividade a trens de alta velocidade grazas á conexión satélite” da man de Hispasat, que xa proporciona o servizo en Italia e Francia. O responsable da firma asegurou na súa intervención que “cabe esperar que o AVE español poida ofrecer tamén dito servizo a un custe moito máis competitivo que 3G”.
Tamén se chegou á conclusión de que o automóbil é outro segmento de mercado cun gran potencial identificado, así como a integración do satélite con redes móbiles de nova xeración e redes WiFi para mellorar a cobertura e calidade do servizo das persoas usuarias.
A falta dunha lexislación europea harmonizada xera, en certos casos, “dificultades para avanzar máis rápido no despegue de servizos por satélite”, afirmaron, “malia ter habido casos de éxito como a difusión de televisión dixital por satélite baseada en tecnoloxía europea e empregada actualmente en todo o mundo”, indicaron.
Finalmente, quedou patente que a industria española no sector espacial e, en particular, no caso das comunicacións por satélite, “está adquirindo unha gran notoriedade grazas á súa aposta pola I+D”, participando en desenvolvementos de última xeración para modernos satélites, en certos casos en colaboración con centros de I+D como Gradiant.
Este seminario enmárcase nas actividades do proxecto Liftgate, financiado pola Comisión Europea a través do VIII Programa Marco, como mecanismo para situar a Gradiant “como referente de excelencia a nivel internacional”. Neste proxecto, así como noutros de alcance europeo, o centro tecnolóxico vigués desempeña un labor importante non só como centro de I+D, “senón tamén como dinamizador da actividade internacional das empresas galegas”.
As claves do futuro da comunicación por satélite quedaron ao descuberto en Vigo
Compartir Este Artigo

