
Ámbolos dous desataron a polémica nas redes sociais, e mesmo puideron contar por miles as mensaxes de burla contra os seus desacertados comentarios, mais iso non impediu que a Policía Nacional os contratara para protagonizar a súa vindeira campaña a favor do uso de Internet seguro, que a entidade lanza para celebrar os seus primeiros 200.000 seguidores en Twitter.
Con eles estarán Chenoa, Marta Sánchez, Estopa ou Mclan, entre outros artistas nacionais, os cales participarán nunha serie de vídeos que a Policía irá subindo á súa páxina oficial en YouTube.
Nestas pezas audiovisuais, os e as artistas contan as súas experiencias persoais en torno á Rede, e achegan consellos útiles para unha navegación segura, mais iso si, a páxina non permite que os e as usuarias deixen comentarios, supoñemos que para evitar a saturación do sistema con duras críticas e mensaxes retranqueiras dirixidas aos desafortunados protagonistas, que seguen na mente dos twitteiros.
Por exemplo, no primeiro vídeo, que xa se subiu esta mesma mañá a YouTube, Alejandro Sanz explica que el nunca sube fotos que poidan prexudicar a súa imaxe nin a de outra persoa, nin etiqueta a ninguén nas redes sociais sen o seu consentimento.
Pola súa parte, David Bisbal recoñece que valora moito as redes sociais pero que el as usa con moito respecto e protexe sempre a súa intimidade, e apunta como motivo disto a mala experiencia que tivo (supoñemos que tamén como exemplo a non seguir).
O perfil da Policía Nacional en Twitter (@policia), creado en 2009, contaba a finais de 2011 con preto de 60.000 seguidores, e en menos de 6 meses vén de triplicar esta cifra, converténdose na institución líder nesta rede social en España.
De feito, a conta da Policía é o segundo perfil policial máis seguido do mundo, tan só por detrás do FBI estadounidense.
Consello de Alejandro Sanz sobre seguridade na Internet
Alejandro Sanz e David Bisbal, protagonistas da campaña de Internet seguro da Policía Nacional
Compartir Este Artigo

