O Concello de Brión, ao que nunca nos cansaremos de gabar pola súa aposta incondicional polo uso de ferramentas tecnolóxicas en tódolos ámbitos que pode, vén de estrear unha nova páxina web coa que facilitarlle o día a día aos veciños e veciñas do municipio e arredores.
Trátase dunha plataforma virtual na que dá acubillo a todo o relacionado coa formación, o emprego e as empresas da zona, que lanzou a Concellería de Promoción Económica coa fin de “crear un punto de encontro entre ofertantes e demandantes de emprego, para así poder axilizar a busca de traballo”, afirma a concelleira, Patricia Vázquez.
A ferramenta, que ten feitura de blog, recolle na súa páxina inicial tódalas ofertas de emprego que chegan ao departamento de Orientación Laboral brionés, “destacando aquelas radicadas en Brión ou nos seus arredores”, afirman.
A ela pódese acceder directamente dende a web municipal, e inclúe vínculos a outros departamentos autonómicos e provinciais relacionados co emprego que resultan de gran utilidade, tales como a Consellería de Traballo, o Servizo Público de Emprego de Galicia ou o departamento de Formación ocupacional da Xunta, entre outros. A web estrutúrase en tres campos principais, que son formación, empresas e emprego, e neste último inclúe, ademais das mencionadas ofertas de traballo, información de utilidade sobre a Bolsa de Emprego do Concello, na que están apuntadas preto de 300 persoas.
A maiores, a nova web, que por certo é moi atractiva e funcional, inclúe información sobre o servizo de Orientación Laboral municipal, e ofrece ligazóns a buscadores de emprego, empresas de traballo temporal e organizacións empresariais, entre outras ferramentas en liña de utilidade para as persoas demandantes de emprego.
Na área de formación, a plataforma recolle toda a información dispoñible sobre cursos formativos a celebrar tanto en Brión como na provincia, e na área dirixida ás empresas inclúense todas as axudas e subvencións ás que se pode acceder (tanto da administración estatal como autonómica, provincial e local), así como unha Guía On-line de Empresas, Comercios e Servizos, que dende o Concello de Brión din estar a elaborar dende o pasado mes de marzo e que, segundo afirman, “estará dispoñible en breve”.
Brión estrea unha web coa que axudarlle á veciñanza a formarse e atopar emprego
Compartir Este Artigo

